Tuesday 07 de May de 2024

A Asociación Amigos da Música de Ordes  celebrará este sábado a Santa Icía


 

O programa arrancará a partir das 13.30 horas no pavillón Campomaior, incluíndo concertos da Banda de Ordes, orquestras, gaiteiros e sorteos de agasallos. Ata o próximo xoves pódense adquirir as entradas para o xantar

Este próximo sábado, 23 de novembro, a Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes celebrará a festividade da súa patroa, Santa Icía. Concretamente terá lugar no pavillón Campomaior a partir das 13.30 horas.

O programa arrancará cun concerto a cargo da Banda de Música de Ordes, no cal se presentarán oficialmente os novos integrantes da formación. Xa a iso das 14.30 horas terá lugar a Festa dos Socios, na que se ofrecerá un xantar típico no que non faltará o polbo, o xamón asado ou a empanada. Aquelas persoas que queiran acudir deberán adquirir a súa entrada antes do xoves, 21 de novembro.

Unha vez rematado o xantar, arredor das 17.30 horas, a Banda de Música de Ordes subirá novamente ao escenario para dar un concerto de temas bailables. Unha hora máis tarde será a quenda para o grupo Embruxo Gaiteiros. A verbena este ano correrá a cargo da orquestra Xacobeo, dando comezo ás 21 horas. Todos estes actos, agás o xantar, serán abertos e de balde para quen o desexe. Ademais, os máis cativos terán á súa disposición un inchable.

Como cada ano as persoas asistentes poderán participar no sorteo de varios premios e agasallos, como son unha actuación da banda ou varios xamóns e cestas de Nadal.